venres, 4 de marzo de 2016

MALDITA PRENSA SUBVENCIONADA (I)

A prensa subvencionada anuncia como novidade unhas medidas de conciliación na Xunta que xa existían.


Estes últimos días, veñen de publicarse na prensa “convencional” do noso país as seguintes novas:

- La Voz de Galicia “La Xunta promueve medidas para favorecer la conciliación laboral de sus empleados”

- Faro de Vigo “Los funcionarios tendrán derecho a permiso de lactación aunque su pareja no trabaje”

Como bos servos dos seus amos, non se para, ningún destes xornais, a facer unha análise de en que situación estabamos antes, canto melloramos, se realmente é unha novidade ou, inclusive, se isto palía dalgún xeito os dereitos que levamos perdidos dende o ano 2012.

Curiosamente as dúas novas están asinadas dende a redacción, un claro subterfuxio que utilizan para non dicir ás claras que están copiando e pegando as novas que lles envía directamente o gabinete  correspondente, gran rigor xornalístico, coma sempre. Só hai que lembrar aquela nova publicada no Correo Gallego na que se lles pasou borrar a sinatura "SAÚDOS COMUNICACIÓN XUNTA DE GALICIA"

Agora publican dúas grandes novidades: o permiso a partires da semana 37 para as funcionarias en estado de xestación e o permiso do persoal que sufra un cancro. Ámbalas dúas xa as tiñan recoñecidas no ámbito do Estado dende outono, ou sexa: non o fai a Xunta de motu propio, senón logo de que a normativa estatal o recolla. Con respecto ao permiso da lactación, hai que dicir que xa está desde o ano 2013, tanto no sector público como privado, nunha instrución do Ministerio de Hacienda e vén logo de varias sentenzas favorables no eido da Administración pública, ou sexa: logo de pelexalo nos xulgados.

Os grandes xornais galegos publican estas novas de alcance que, no entanto, con respecto ao permiso de lactación e o permiso de maternidade, esquecen o dato de que a media de idade na Xunta é de perto de 50 anos. Non se convocan prazas, non entra xente nova, e agora que somos, cada día máis, unha panda de vellos, é cando a Xunta se lembra de incorporar medidas de apoio á maternidade para o seu persoal.

Véndennos o fume de que a Xunta comprace ás empregadas e empregados públicos e, grazas á inmensa bondade do goberno galego, adquirimos novos dereitos. Dos recortes, mellor non falar, só cando non quede máis remedio, cando xa sexa moi cantoso non falar disto. Non vemos ningunha nova sobre a ameaza dos despedimentos que Educación fixo sobre o persoal subalterno interino ou de calquera das denuncias que facemos do que sucede na Xunta, apenas algo sobre os níveis descendentes do número de empregadas e empregados públicos, nada xa dos problemas na Sanidade e nos Servizos Sociais, da saturación das Urxencias hospitalarias, das listas interminables de espera, tamén na dependencia, dos problemas dos desafiuzamentos, da falta de vivenda pública, dos efectos do traballo precario,  da acumulación de alumnado nos centros de Ensino en todos os níveis educativos..., non, iso non é noticia, iso é "normal".

E non é noticia porque a noticia págase e cotiza á alza en período eleitoral. A conciencia ten que ser manipulada, dirixida, terxiversada e temos que ler o que debemos pensar nese xornal que está na barra do bar no que pasamos o rato mentres tomamos o café, ese é o obxectivo.

Poderíamos falar do código deontolóxico do xornalista, diso do respecto á verdade, de perseguir a obxectividade, de contrastar información, de diferenciar claramente entre información e opinión, de dar todas as versións do mesmo feito, da rectificación de informacións erróneas; poderíamos falar pero... para que? Se aquí o que conta é de canto me vas dar, directamente ou por atrás, mediante contrato menor, convenio ou subvención, como sexa, pero ti paga e eu falarei ben de ti e mal dos demais e direi que os recortes son necesarios, que viviamos por riba das nosas posibilidades e cousas así...


Tamén no DOG:

Recentemente publicáronse no DOG as instrucións de permisos de persoal docente e a inmediata corrección destas incluíndo tamén estas 3 medidas estrela de conciliación que no noso caso xa as tiñamos incorporadas antes de aprobarse. Por certo, este venres, 11 de marzo, publicáronse no DOG as nosas instruccións;  igual xa aproveitan e lle publican outra nota de prensa á Xunta con este tema, ou senón para a semana seguinte cando nos remitan ás organizacións sindicais o acordo para constituír a Comisión de seguimento, ou cando se constitúa esta...

ACTUALIZACION (05/03/2016): pois tal e como aventurábamos, si, outra nova na prensa subvencionada co tema: "A Xunta regula os permisos do seu persoal para evitar equívocos e axudar a conciliar"

Máis puntos de mira sobre nós:

Ningún comentario:

Publicar un comentario