xoves, 9 de marzo de 2017

"Na Xunta, a promoción da igualdade choca co incumprimento reiterado de cubrir as vacantes"

Comité da Consellería de Medio Ambiente da Coruña critica a sobrecarga de traballo nalgúns departamentos

 
O Comité de Empresa da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio denuncia o incumprimento reiterado da Xunta de Galiza da súa obriga de cubrir os postos de traballo vacantes por xubilacións, excedencias e baixas por enfermidade ou maternidade.

Entre os moitos casos que se están a producir na actualidade, destaca o caso dunha das traballadoras da Xefatura Territorial da consellaría de Medio Ambiente da Coruña, con praza de Titulada Superior Ambiental, que malia ter collido a baixa maternal o 17 de xaneiro de 2016, e a excedencia por coidado de fillo o 18 de xullo, aínda non foi substituída. "O caso agrávase polo feito de atoparse unha das súas compañeiras en comisión de servizo noutra praza, o que fai recaer o traballo das tres persoas do departamento na única que fica no posto", denuncian.

A pesares de que a Xunta de Galiza ten regulacións concretas para proceder á cobertura das baixas de maternidade, "e de que o Partido Popular enarbora como bandeira propagandística as súas 'presuntas' políticas de defensa e cobertura da maternidade e da conciliación da vida laboral e familiar, faise evidente neste caso e noutros moitos que a realidade que padecen a cotío as traballadoras dos organismos públicos está lonxe de achegarse á situación de igualdade laboral da que fai gala o Goberno galego".

Por iso, ás portas do 8 de marzo, día da Muller Traballadora, reclámanlle ao Goberno de Núñez Feijoo que faga efectivo o compromiso na loita pola igualdade real e efectiva entre mulleres e homes no ámbito laboral e no conxunto da sociedade, eliminando todas as formas de discriminación e adoptando medidas que garantan a cobertura de postos de traballo, especialmente nos casos de permisos de maternidade, lactación e coidado dos fillos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario