luns, 3 de abril de 2017

A Xunta desobedece as leis e non crea os arquivos aos que está obrigada

A Xunta de Galiza está a incumprir o mandato da Lei galega 7/2014 de arquivos e documentos impulsada polo goberno do PP e aprobada polo Parlamento de Galiza.


Cando en 1990 Galiza asumiu competencias en Cultura, basicamente asumiu persoal vinculado aos arquivos históricos. Trala ampliación de competencias e co desenvolvemento da estrutura administrativa fíxose necesario crear arquivos nas consellerías. Así creáronse no ano 2005 tres arquivos centrais para as áreas de cultura e turismo, política social e industria.

O resto nin se sabe nin quere nin conta, e xa non é unha obriga moral ou instrumental, é unha obriga legal. A maiores compre dicir que os arquivos centrais xa se converteron nun instrumento transversal da propia Administración ao igual que a asesoría xurídica ou a intervención pois cobren as demandas de todas as consellerías, pois todas necesitan de xestión documental; tanto en papel como electrónica.

A cada pouco a Administración pon enriba das mesas de negociación as propostas de modificación das Relacións de Postos de Traballo das distintas consellerías ou entes adscritos. As últimas (febreiro, marzo) foron Medio Ambiente, Vicepresidencia e Instituto Galego de Estatística. En todos os casos a CIG lembrou ás persoas que representaban á Administración que estaban a incumprir o mandato do Parlamento de Galiza que aprobou no ano 2014 unha Lei impulsada polo goberno do PP que lles obriga a montar o seu respectivo arquivo central.

O que di a Lei galega 7/2014 de arquivos e documentos é:

Artigo 38. Arquivos centrais

1. Existirá un arquivo central en cada consellaría e opcionalmente, cando non estea creado un arquivo xeral territorial, en cada xefatura territorial dela dependente, así como naqueles organismos que posúan personalidade xurídica propia.

3. Os arquivos centrais realizarán as transferencias de documentos que lles correspondan ao Arquivo de Galicia ou, se é o caso, ao arquivo intermedio ou histórico xestionado pola Xunta de Galicia da súa demarcación territorial.

4. Os arquivos centrais asesorarán o persoal responsable dos arquivos de xestión e coordinarán a súa organización e funcionamento.

5. Á fronte de cada arquivo central haberá unha persoa do corpo facultativo superior de arquivos, nos termos que estableza o plan previsto na disposición transitoria segunda e de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias, tras a correspondente modificación da relación de postos de traballo.


(...)

8. As instalacións dos arquivos centrais estarán preferentemente no mesmo edificio que o órgano ao que sirvan.

Por outro lado estamos inmersos en todas as políticas de transparencia, libre acceso e Open data, que fai que os arquivos teñan un papel preponderante na democratización do acceso a datos e información pública. Así a Lei 1/2016 de transparencia e bo goberno de Galiza especifica no seu Título IV o dereito de acceso dos cidadáns á información pública, acceso que maioritariamente vaise facer co uso do arquivo; e por suposto onde non existe non haberá esa posibilidade ou estará moi minguada.

Tamén cumpriría falar do aforro económico que representa ter a documentación xestionada e inventariada, sen necesidade de custosas contratacións externas e coa posibilidade de diminuír e expurgar axeitadamente a documentación mercede ao control técnico de persoal que poida emitir informes cara á recentemente creada Comisión de Avaliación Documental de Galiza (Lei 7/2014) para alixeirar a grande carga documental que teñen nas oficinas produtoras.

En definitiva, é unha obriga da Administración crear arquivos centrais co respectivo persoal necesario en cada consellería e organismo dependente, ou alternativamente crear un arquivo en cada xefatura territorial.

Ningún comentario:

Publicar un comentario