venres, 30 de xuño de 2017

Reunión co director xeral de Función Pública. 29/06/17. Suba salarial 1% e outras cuestións trala aprobación Orzamentos do estado español.

Contan con aplicar ese incremento, se é posible, na nómina de xullo cunha pagiña extra cos atrasos desde o 1 de xaneiro.


O anuncio tivo lugar onte oficialmente tralo Consello da Xunta e trala aprobación dos Orzamentos do Estado español que recollen unha suba similar para o persoal da Administración Xeral do Estado. O mesmo anuncio chegaba case ao mesmo tempo que o director xeral da Función Pública llo comunicaba de xeito oficial aos sindicatos.

O anuncio non é nada novo, levábamos tempo oíndo falar do tema e ía tamén realcionado co famoso acordo de estabilización de emprego temporal. Aquí, a suba do 1% vai ter lugar dentro do caixón de xastre do anteproxecto de lei de apoio ao crecemento económico e reforzo do gasto social. A realidade é que Feijóo presenta como unha nova "lei de gasto social" a modificación orzamentaria obrigada polo orzamento do Estado. A demora en aprobarse as contas en Madrid fai que o Goberno galego conte agora con 230 millóns de euros máis, que destinará a aumentar un 1% o soldo de persoal e cargos públicos, medidas para incentivar a economía e partidas sociais como a Risga, que veu quedando escasa dende inicios do ano.

Una suba salarial dun 1% raquítica e que non chega a compensar a suba do nivel de vida, nin moito menos a recuperar o lucro cesante dos moitos cartos que levamos perdidos en recortes todos estes anos atrás para pagar, entre outras lindezas, a factura dos 60.600 millóns de euros do rescate á banca que nunca imos recuperar segundo o Banco de España.

Velaquí o resumo do que contou o director xeral da Función Pública:
  • Van proceder a modificar a Lei de Orzamentos de Galiza para facer efectivo o incremento salarial do 1% para o ano 2017 con efectos económicos dende o 01/01/2017.
  • Contan con aplicar ese incremento, se é posible, na nómina de xullo, senón quedaría para a de agosto. O incremento será dunha media de 150 ou 200 euros por traballador/a.
  • Contemplan un plan de redución da temporalidade a executar nos anos 2017, 2018 e 2019 en postos cubertos con carácter ininterrumpido dende o 31/12/2013 ata o 31/12/2016 nos ámbitos de Educación, Sanidade, Servizos Sociais e políticas activas de emprego. 
  • Para o resto de ámbitos en postos cubertos con anterioridade ao 01/01/2015, remítense á futura negociación dos orzamentos de 2018. 
  • Ambos plans de redución da temporalidade non computarán a efectos da tasa de reposición de efectivos e a súa intención é reducila a un nível do 8%.
  • Na terceira semana de xullo teñen intención de convocar aos sindicatos a unha xuntanza para fixar os criterios de execución das ofertas de emprego derivadas deses plans de redución da temporalidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario