venres, 27 de outubro de 2017

Baremo do concurso de traslados "permanente" e outros asuntos de Función Pública: xuntanza do 25/10/2017

Todos os sindicatos coincidimos en: rexeitan valorar o traballo desenvolvido en comisión de servizos, a non caducidade da formación, o maior peso da antigüidade, non aos méritos específicos ou minorar a súa puntuación.


Segue a "negociación" do baremo do concurso de traslados "permanente" e nesta última reunión a Administración afrouxou nalgúns aspectos pero segue insistindo na caducidade da formación, a valoración do traballo desenvolvido en comisión de servizos ou no alto peso dos méritos específicos, algo que choca frontalmente coa postura sindical.


xoves, 26 de outubro de 2017

“Combatimos lumes forestais de cuarta e quinta xeración cun SPDCIF do século pasado”

As delegadas e deñegadps da CIG denuncian que o dispositivo público da Xunta está ancorado na década dos 90


O sector de Autonómica da CIG-Administración vén de facer público un comunicado elaborado polos delegados/as sindicais da central no Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF) no que denuncian as consecuencias de ter que combatir lumes forestais de quinta xeración “cun dispositivo ancorado nos anos 90 do século pasado”.

mércores, 18 de outubro de 2017

Mesa Xeral Orzamentos 2018 e Acordo estabilidade do emprego público na Xunta

  • CIG-Área Pública rexeita o 'Acordo de Estabilidade' porque non permite recuperar o emprego público
  • Os orzamentos da Xunta 2018 manteñen os recortes e a precariedade na administración

A Área Pública da CIG asistiu esta mañá á Mesa Xeral de Función Pública na que o PP presentou un Proxecto de Orzamentos para 2018 no relativo a emprego público idéntico ao de 2017 que a central sindical rexeitou porque afonda na destrución de emprego e no desmantelamento e privatización dos servizos públicos. Xunto a isto anunciou o seu rexeitamento ao chamado “Acordo de Estabilidade”, porque mantén a taxa de reposición e tampouco permite que se recupere o emprego público destruído. Un documento que, porén, será previsibelmente asinado por CCOO, UGT, CSIF e sindicatos sectoriais.

luns, 16 de outubro de 2017

Lumes Nunca Máis! A CIG exixe a dimisión de Feixóo pola súa “política forestal pirófita”

Convocadas concentracións en toda Galiza para este luns


A CIG lamenta profundamente a morte das persoas que se viron atrapadas polos lumes descontrolados que asolaron esta noite montes e poboacións enteiras en distintos puntos de Galiza e nomeadamente de Pontevedra, Ourense e Lugo. Unha situación catastrófica da que a CIG responsabiliza á “política forestal pirófita do Partido Popular” e exixe a dimisión do presidente da Xunta. Chama ademais ás concentracións convocadas de urxencia por toda a xeografía galega.

venres, 13 de outubro de 2017

A Xunta improvisa na xestión dos lumes forestais

A CIG reclama a readaptación do servizo ás novas necesidades do rural


O sector de Autonómica da CIG-Administración acusa a Xunta de manter unha política de improvisación no que ten que ver coa xestión dos lumes forestais e responsabiliza a Consellaría de Medio Rural de carecer dunha planificación xeral ao respecto. Diante disto reclámanlle aos seus reponsábeis a readaptación do servizo de extinción ás novas realidades do medio rural galego e invítanos/as a dimitir no caso e que non estean capacitados/as para abordar estas novas necesidades.

luns, 9 de outubro de 2017

Reunión co conselleiro: CIG non asinará ningún acordo con Facenda que non contemple a recuperación de dereitos laborais e sociais

O conselleiro anunciou na mañá deste martes que a Xunta non negociará esa recuperación.


O conselleiro de Economía, Valeriano Martínez, convocou esta mañá á Área Pública da CIG a unha xuntanza para presentar as propostas da Xunta de Galiza relativas ao Plan de Estabilización de Emprego nas administracións públicas galegas; a Lei de Orzamentos 2018 e a Lei de Medidas Temporais. Propostas que a CIG rexeitou anunciando ademais que non asinará acordos que non garantan recuperación de dereitos do persoal das administracións públicas galegas.

Lei de emprendemento empresarial do PP: espolio, depredación e ruína para Galiza

Apupan diante do Parlamento a Lei de 'Depredación' de Galiza que quere aprobar o PP pola vía de urxencia.


Ollo a esta proposición de lei que presenta o PP no Parlamento de Galiza pola vía de urxencia, non o Goberno da Xunta, non, senón o seu grupo parlamentar. Ollo porque de existir, non tería sido posible frear, por exemplo, o proxecto da mina de Corcoesto. Tratan de eliminar "trabas" medioambientais e dereito á información da cidadanía e das organizacións sociais para poñerlle en bandexa a baixo custo os nosos recursos ás grandes empresas. Curiosamente, unha lei así, só podía ser tramitada de urxencia para que pase o máis desapercibida posible, co menor debate e as menores achegas (e protestas de cidadanía e organizacións).

mércores, 4 de outubro de 2017

Feijóo ignora á mantenta o deterioro das condicións laborais e de vida das galegas e galegos

A CIG critica as afirmacións do presidente da Xunta durante o debate do estado da nación


A CIG considera que a comparecencia do presidente da Xunta no debate do estado da nación, “describindo un país que non existe”, é unha “burla” ás miles de galegas e galegos que viron como as súas condicións laborais, materiais e de vida se deterioraron nos últimos anos. Anos de reformas laborais, recortes e abandono do tecido produtivo galego que deixaron sen emprego e cunha enorme perda de dereitos laborais, salariais e sociais a miles de traballadoras e traballadores que se viron sumidos/as na pobreza, sen que desde a Xunta de Galiza se articularan medidas que permitiran darlle a volta a esta situación.

Cesan 436 traballadores/as do SPDCIF en época de risco de incendio e manteñen persoal privado das brigadas

A CIG reclámalle á Xunta que amplíe os contratos a 9 meses e os equipare ao resto de empregados/as


O sector de Autonómica da CIG-Administración denuncia que a Xunta vén de cesar na súa actividade a 436 traballadores/as propios/as do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF) a pedar de atoparnos en plena época de risco de lumes mentres mantén contratado o persoal privado das brigadas heliotransportadas. Dende a central reclámanlle á Consellaría de Medio Rural que amplíe estes contratos a nove meses para equiparalos ao do resto de empregados/as.