luns, 28 de marzo de 2016

O infarto como continxencia opcional nas ofertas de adxudicación da poliza de accidentes para o persoal da Xunta

Outra vez nos pregos de contratación que dan pé ao contrato do vindeiro seguro colectivo de accidentes do persoal ao servizo da Xunta de Galiza non figuran os infartos como continxencia cuberta se non son declarados como accidentes laborais.

A Xunta de Galiza, coma tantas outras entidades públicas e empresas, ten concertado un seguro colectivo de accidentes do seu persoal. Este seguro cubre ao persoal que traballa na Administración Xeral da Comunidade Autónoma, dos seus organismos autónomos, axencias autonómicas e entes públicos.

Na actualizade ese seguro é bianual e remata a súa vixencia o 30 de xuño de 2016. Xa que logo, desde principios de marzo aunciouse o novo contrato de servizos de seguros. Admítense ofertas até o 13 de abril. Se ben este ano sube o diñeiro destinado dun orzamento máximo de licitación de 1.988.000,00 €  a  2.300.000,00 €, e  mantéñense as garantías e capitais asegurados.

Trátase dun seguro universal que cubre toda clase de accidentes do persoal, non só os de carácter laboral, e que ten unha indeminzación de 44.000€ por morte ou incapacidade permante que pode ser ampliada con carácter voluntario (ata 240.000€). Neste eido, compre dicir que se trata tamén dun negocio adicional para a aseguradora xa que non é estraña esta ampliación por parte do persoal. Ademais, a propia Xunta participa dos beneficios da póliza en función da siniestralidade, é dicir, canto menos siniestralidade, máis recupera o diñeiro investido na póliza.

As condicións que figuran nos pregos son practicamente idénticas ás da oferta do contrato do 2014, incluídas as indeminzacións que se manteñen  nas mesmas coberturas e contías e a non inclusión dos infartos  (tanto de miocardio como cerebrovasculares) que non sexan catalogados como "accidentes laborais". O de cubrir ou non cubrir estas continxencias como accidentes volve a quedar como un criterio de valoración das ofertas de adxudicación do contrato da póliza. 

Este aspecto é algo fundamental debido á incidencia e á idade media do persoal da Xunta e debera ser incluído xa de partida  nas "condicións específicas" dos pregos. Recordamos que con carácter xeral todos os accidentes ocorridos en tempo e lugar de traballo son considerados laborais, mesmo os "in itinere" salvo proba en contrario. Recordamos tamén que a tramitación do cobro deste seguro no caso de continxencia hai que realizalo a través dos diferentes servizos de persoal.

Ben é certo que este seguro está fóra da negociación das condicións do persoal traballador, se ben nos afecta directamente pois somos as persoas beneficiarias. Os infartos de miocardio e cerebrovasculares aínda que non teñan a condición de accidentes laborais, deberan quedar cubertos xa de partida na mesma lóxica en que este seguro cubre o resto de accidentes non laborais.

Documentación relacionada:

Ningún comentario:

Publicar un comentario