mércores, 14 de febreiro de 2018

A EGAP convoca 171 cursos destinados ao persoal da Administración autonómica: só 5 solicitudes

A Escola Galega de Administración Pública convoca no DOG do 14 de febreiro un total de 171 actividades formativas e 6142 prazas dirixidas ao persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico e da Administración institucional. Serán obxecto dunha convocatoria extraordinaria aqueles cursos que rexistren maior número de solicitudes. 

As solicitudes de participación nas actividades formativas só se poderán realizar mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo https://egap.xunta.gal/matricula desde as 8.00 do 15 de febreiro de 2018 e ata as 23.55 horas do 26 de febreiro de 2018. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

Limitación de 5 solicitudes


Tal e como establecen as bases da convocatoria, e na tónica habitual, o número máximo de cursos que se poden solicitar durante o prazo de presentación de solicitudes limítase a cinco. Este número máximo de solicitudes é excesivamente baixo tendo en conta tanto o número total de actividades formativas ofertadas como os reiterados intentos da Función Pública porque caduque a puntuación destes cursos nos concursos de traslados e sistemas de selección de concurso-oposición, nomeadamente nas promocións internas.

Habitual resulta nas convocatorias da EGAP que uns cantos cursos os solicita moitísima xente e outros que mesmo quedan sen chegar a cubrir o número total de prazas. O resultado é que a nivel individual acaben por non darte ningún ou logo darchos todos e pegarte un atracón. Porque, recordamos tamén, a renuncia nos cursos de teleformación con outros de calquera modalidade, aínda que coincidan no tempo, non está contemplada explícitamente como motivo non sancionable de renuncia.

Un sistema de solicitude moito máis eficaz sería o da orde de prelación, non limitando o número máximo de solicitudes pero dándoche un plus nos cursos que selecciones como preferentes nos primeiros lugares. Esto, mesturado cunha segunda volta, ou resultas, publicando as prazas dispoñibles tralas eventuais renuncias unha vez coñeces os cursos que che admitirían (a limitación de cursos debera introducirse na admisión, non na solicitude) e abrindo a convocatoria extraordinaria á todalidade de cursos e non só aos máis demandados.

Isto, desde logo, obrigaría a xerar unha aplicación informática máis potente pero tamén máis xusta porque o obxectivo de todo esto debe ser mellorar (e non limitar) as oportunidades de formación do persoal e optimizar os recursos dispoñibles (sen que queden prazas sen cubrir), non facilitar o proceso de selección á EGAP.

Máis información e listaxe de cursos no DOG do 14 de febreiro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario