xoves, 15 de febreiro de 2018

Comunidado de apoio da Xunta de Persoal dos Servizos Centrais á folga de Xustiza

Segue a folga de Xustiza e a Xunta de Persoal dos Servizos Centrais da Xunta vén de aprobar por unanimidade do seu pleno un comunicado de apoio. 

O dito órgano de representación entende as reivindicacións das compañeiras e compañeiros de Xustiza como lexímitas e xustas e compatibles coas do persoal que a dita xunta de persoal representa, así como na defensa duns servizos públicos galegos de calidade con suficiente dotación de persoal, anunciando mesmo a extensión das mobilizacións á Administración autonómica.

Na sesión plenaria do 14 de Febreiro de 2018 este órgano aprobou o seguinte comunicado:

A Xunta de Persoal funcionario dos Servizos Centrais da Xunta de Galicia, perante as mobilizacións levadas a cabo nos últimos días por parte do persoal funcionario da Xustiza galega, manifesta:

- A nosa solidariedade e fraternidade co persoal de Xustiza e o chamamento ao persoal funcionario da Administración Xeral da Xunta de Galicia a participar en todas as accións que se leven adiante a partir de agora como apoio as súas reivindicacións, que son as nosas.

- A nosa condena máis rotunda e enérxica contras as medidas represoras exercidas pola Xunta de Galicia como resposta as accións reivindicativas que o persoal de Xustiza exerceu dun xeito admirable, claro e contundente.

- Declarar a loita do persoal de Xustiza como unha loita propia, como a loita de todo o persoal da Xunta de Galicia, nomeadamente, neste caso, do persoal funcionario dos Servizos Centrais. Os seus recortes son os nosos recortes, a súa conxelación salarial é a nosa conxelación salarial, a falta de cobertura de prazas, a penalización por enfermar, a eliminación do fondo de acción social e o resto de recortes laborais, son os mesmos recortes que sufrimos o persoal funcionario da Xunta de Galicia.

- Reclamamos á Xunta de Galicia que elimine todos e cada un destes recortes laborais que leva aplicando dende o ano 2012 (e incluso antes), que se elimine a lei de medidas mal chamada temporal, que se recuperen todos e cada un dos dereitos perdidos e que se abra canto antes unha mesa de negociación a este respecto.

- No caso de non ser aceptadas estas demandas, anunciamos, como órgano de representación do persoal funcionario dos Servizos Centrais da Xunta de Galicia, que iniciaremos contactos con todas as organizacións sindicais e órganos de representación da Xunta para iniciar un calendario de mobilizacións co obxectivo de recuperar os nosos dereitos laborais, un por un, sen esquecernos de ningún, porque estamos fartos de escoitar que xa non hai crise e seguir padecendo recortes que non fan máis que socavar a nosa dignidade como traballadores e traballadoras dos servizos públicos.

Por último, queremos agradecer inmensamente ao persoal de Xustiza a súa loita e dicirlles que non están sos e que todas e todos os traballadores públicos estamos con eles, que a chama que veñen de prender vai seguir acendida até o final, porque xa vamos cheos de tantos anos de insultos por parte desta Xunta de Galicia mentireira e privatizadora, fartos de políticas de desmantelamento dos Servizos Públicos Galegos, porque A NOSA DIGINIDADE NON É RECORTABLE.

Santiago de Compostela, 15 de Febreiro de 2018
O Presidente da Xunta de Persoal,
 Antonio Fernández Domínguez

Ningún comentario:

Publicar un comentario